Que chunga é a vida do normalizador
Já restam poucos concelhos que nom tenham o seu próprio normalizador lingüistico, cujo contrato de trabalho dura normalmente o mesmo que o subsídio da Junta que encorajou a sua contrataçom. Hoje chegou às minhas maos um calendário editado polo Serviço de Normalizaçom Lingüística do Concelho de Ames, com o original e sugestivo lema En galego e non lle deas máis voltas. Em letra muito miúda (é um ponto a favor do autor, pois revela a implícita intençom de que ninguém o leia) aparece o seguinte texto, que deveria funcionar como um pequeno argumentário em favor do uso da língua:
porque si, porque quero, porque me peta, porque me dá a gana, porque está de moda, porque o falan todos, porque non o fala ninguén, porque son de Ames, porque estou en Ames, porque non ten tempos compostos, porque fai un sol de carallo, porque se falou sempre, porque estou no meu dereito, porque me obrigan, porque é a miña lingua, porque é a súa lingua, porque en galego lígase máis e mellor, porque son de esquerdas, porque son de centro, porque son de dereitas, porque non son de nada, porque está demostrado que se usas o galego aumentan as vendas, porque dá prestixio, porque ten outro aquel, porque é lingua de reis, porque a min mo falaron, porque a min nom mo deixaban falar, porque son moi respectuoso con todas as linguas e con todas as culturas, porque hai que usalo, porque quero ter éxito na vida, porque me entenden todos, porque é unha marca de calidade, porque o normal é que cada pobo fale a súa lingua…
Nom entendo como se pode editar um calendário e ocupar o espaço reservado à venerável foto de Samantha Fox com esta insulsa lenga-lenga, epítome dos mais recorrentes (e falsos) tópicos sobre o idioma en que garulan os paxaros. Apenas alguma interessante novidade, como o que usa o galego porque o obrigam (Pérez Touriño?) ou o que o fai porque é de direitas (ai, se Celso Emílio levantasse a cabeça!). O preocupante desta estória é que resulta reveladora do actual desnorteamento e falta de ideias de muitas pessoas que tenhem um verdadeiro e sentido amor pola língua.
(Como diria o Ehus Mahot, outro dia falaremos do tema da normativa).




